Thursday 16 de May de 2024

A Xunta destaca a formación en educación vial e a coordinación en eventos e emerxencias como claves para previr accidentes de tráfico


O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, inaugurou unha Xornada de Tráfico para Agrupacións de Protección Civil, con máis de 170 asistentes

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, destacou hoxe o papel clave da formación en educación vial, así como a importancia da coordinación da xestión de eventos e emerxencias para previr accidentes de tráfico.

Luis Menor inaugurou a Xornada de Tráfico para Agrupacións de Protección Civil, que se celebra hoxe en Ourense, organizada polo Servizo Provincial de Emerxencias en colaboración co Servizo de Formación da Xefatura Provincial de Tráfico e na que participaron máis de 170 membros de Protección Civil e dos GES. Na apertura das xornadas, tamén participou a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Durante a súa intervención, o director xeral destacou que das case 202.000 incidencias que se rexistraron no 112 en 2015, ao redor do nove por cento corresponderon a accidentes de tráfico. Isto dá unha idea da importancia que ten este tipo de emerxencias e a necesidade de previr que acontezan e poñer todas as medidas que teñamos o noso alcance para tratar de evitalas. Dentro deste conxunto de medidas preventivas atópase a educación vial.

Segundo destacou Luis Menor, a educación vial é un eido no que todas as administracións deben estar implicadas, busca a sensibilización social, comportamentos viais que fomenten a convivencia, a tolerancia, a solidariedade, o respecto, a responsabilidade e que se favorezan as relacións humanas na vía pública.

Ademais, tamén salientou a importancia da coordinación en eventos e emerxencias relacionadas co Tráfico e coa Vía pública. A xestión das emerxencias require, dado o elevado número de medios, recursos e organismos involucrados, dunha elevada coordinación entre eles. Pois canto maior sexa a coordinación, maior será a eficacia na resolución da mesma. Isto implica un elevado grado de coñecemento das formas de actuación de cada organismo, así como coñecer as súas limitacións operativas e funcionais.

A Xornada está orientada á formación dos traballadores de emerxencias en educación vial, tanto para escolares como para maiores. Nese sentido, a xornada contará con tres relatorios: “Infancia, Discapacidade. Recursos didácticos e actividades”, “Os maiores como peóns e condutores. Iniciativas e recursos” e “Coordinación en eventos e emerxencias”.